Thursday 02 de May de 2024

A Pobra impulsa un curso de operacións básicas en cafetaría e bar


Froito de conversas mantidas co sector da restauración, a Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal pon en marcha unha nova acción formativa. Trátase dun curso de operacións básicas en cafetaría e bar co cal crear un novo mecanismo de cualificación laboral que redunde nunha mellora da formación e da empregabilidade, segundo expuxo a edil Amparo Cerecedo (BNG), acompañada da orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez.

Consta de 39 horas lectivas e as clases impartiranse do día 9 ao 26 de maio, de luns a xoves, en horario de 18.00 a 21.00 horas, nun establecemento hostaleiro da localidade. A materia divídese en dúas partes: unha específica de camareiro/a e outra de manipulación de alimentos.

Ademais, existe un compromiso de contratación, polo cal, das 12 persoas participantes, 4 comezarán a traballar unha vez finalizada a formación.

As persoas interesadas dispoñen dende o día 19 ata 25 de abril para se inscribiren a través do rexistro do Concello, tanto físico coma telemático, onde está á disposición o documento de solicitude. Tamén será preciso achega-la copia do DNI. As prazas cubriranse pola orde de entrada.

Para máis información habilítase o teléfono de contacto 981377610.